sábado, 28 de julio de 2012

Libros

Unha máxima que se dá en tódolos eidos da vida, é que canto un máis sabe, primeiro se dá de conta que lle queda moito por coñecer e descubrir. No mundo das roseiras históricas, coma tampouco podía ser doutro xeito, tamén se cumple dita máxima. Buscando por aquí e por alá,  sempre aparecen novas citas e conceptos que che fan seguir máis lonxe. Hoxe en día, unha fonte inesgotable de información e internet. Pero a verdade, será porque un ten certa predisposición nostálxica, para min non hai nada coma os libros. Poder tocalos, o seu olor. Inclúso para a vista, os atopo máis descansados de ler que unha pantalla.
Pouco a pouco, funme facendo con libros sobre roseiras históricas de máis ou menos recente publicación. Por desgracia, máis alá de libros que tratan de forma xeral sobre roseiras, non atopei nada en castelán e moito menos en galego. Por fortuna, o panorama internacional é ben distinto.
Fai un tempo visitei unha feira de libros usados e antigos, por sorpresa atopei un libro sobre rosas históricas, "Alte Rosen" de Gerda Nissen. Unha muller apaixoante que dedicou parte do seu tempo a buscar e identificar rosas históricas no norte de Alemania. Esas rosas que se cultivaron de toda a vida, que dun esqueixe foron pasando de casa en casa, de veciño en veciño. Rosas que poden aparecer nun selvático xardín dunha casa arruinada ou adornando unha tumba nun cemiterio.

 contraportada de "Alte Rosen" Gerda Nissen, editorial Boyens & Co., Heide

A partir de aí prendeume unha nova afección, buscar libros antigos sobre rosas históricas. E aquí, si que contamos coa inestimable axuda da Internet.  Fai posible que se poida ler un blog coma este, ou permítenos atopar o libro que buscamos nun lugar lonxano, e por suposto mercalo. A miña última adquisición é "Roses" escrito polo Rev. Joseph  Pemberton na súa segunda edición de 1920. Entusiásmame a idea de poder ollar e consultar un libro que escribíu o obtentor de boa parte dos Híbridos moschata de principios do século XX.

"Roses" Rev. Joseph H. Pemberton , Longmans Green and Co.- Edición 1920


É un libro que abarca dende a clasificación botánica das roseiras, ata a hibridación e aspectos de cultivo, así coma  a valoración de rosas de exposición e un apendice coas roseiras preferidas do autor.
Unha pequena xoia para ler e ter, a que se lle nota o paso do tempo, quizais eso a fai máis valiosa para min.


3 comentarios: