sábado, 28 de julio de 2012

Libros

Unha máxima que se dá en tódolos eidos da vida, é que canto un máis sabe, primeiro se dá de conta que lle queda moito por coñecer e descubrir. No mundo das roseiras históricas, coma tampouco podía ser doutro xeito, tamén se cumple dita máxima. Buscando por aquí e por alá,  sempre aparecen novas citas e conceptos que che fan seguir máis lonxe. Hoxe en día, unha fonte inesgotable de información e internet. Pero a verdade, será porque un ten certa predisposición nostálxica, para min non hai nada coma os libros. Poder tocalos, o seu olor. Inclúso para a vista, os atopo máis descansados de ler que unha pantalla.
Pouco a pouco, funme facendo con libros sobre roseiras históricas de máis ou menos recente publicación. Por desgracia, máis alá de libros que tratan de forma xeral sobre roseiras, non atopei nada en castelán e moito menos en galego. Por fortuna, o panorama internacional é ben distinto.
Fai un tempo visitei unha feira de libros usados e antigos, por sorpresa atopei un libro sobre rosas históricas, "Alte Rosen" de Gerda Nissen. Unha muller apaixoante que dedicou parte do seu tempo a buscar e identificar rosas históricas no norte de Alemania. Esas rosas que se cultivaron de toda a vida, que dun esqueixe foron pasando de casa en casa, de veciño en veciño. Rosas que poden aparecer nun selvático xardín dunha casa arruinada ou adornando unha tumba nun cemiterio.

 contraportada de "Alte Rosen" Gerda Nissen, editorial Boyens & Co., Heide

A partir de aí prendeume unha nova afección, buscar libros antigos sobre rosas históricas. E aquí, si que contamos coa inestimable axuda da Internet.  Fai posible que se poida ler un blog coma este, ou permítenos atopar o libro que buscamos nun lugar lonxano, e por suposto mercalo. A miña última adquisición é "Roses" escrito polo Rev. Joseph  Pemberton na súa segunda edición de 1920. Entusiásmame a idea de poder ollar e consultar un libro que escribíu o obtentor de boa parte dos Híbridos moschata de principios do século XX.

"Roses" Rev. Joseph H. Pemberton , Longmans Green and Co.- Edición 1920


É un libro que abarca dende a clasificación botánica das roseiras, ata a hibridación e aspectos de cultivo, así coma  a valoración de rosas de exposición e un apendice coas roseiras preferidas do autor.
Unha pequena xoia para ler e ter, a que se lle nota o paso do tempo, quizais eso a fai máis valiosa para min.


jueves, 26 de julio de 2012

Souvenir de la Malmaison

Considerada unha das mellores e máis fermosas rosas "Bourbon" . Foi hibridada por Béluze en 1843, sendo o resultado do cruce de Mme. Desprez X rosa de té descoñecida . Leva o nome da última residencia e famosa rosaleda da Impératrice Joséphine. Aínda que a emperatríz non chegou a coñecer esta fermosa rosa, pois faleceu anos antes.


O arbusto ten a apariencia dun moderno híbrido de té, especialmente as follas de cor verde escura. Ten un tamaño moi contido, inclúso se podería dicir que ten aspecto "escuálido". As rosas son grandes, apretadas e cuarteadas. A cor é rosa moi pálido no centro e branco crema nos bordes. O primeiro ano era curioso ver un arbusto que non levantaba máis de 35 centímetros do solo cargado de xigantescas rosas. Souvenir ten unha floración moi prolífera, non para en toda a tempada.

Souvenir de la Malmaison rodeada de follaxe de Echinops ritro

É coñecida a súa sensibilidade á climatoloxía chuviosa, sen embargo non lle parece afectar á producción de rosas, nin ten especial propensión ó "balling". Si acaso, en condicións chuviosas as rosas estropenanse rapidamente. Si que hai que mencionar que é moi sensible á mancha negra, coma se pode ver nas fotos. De feito, a veces afea moito ó arbusto.
O aroma é típico de rosa de té. Para min non especialmente intenso, pero hai  moita xente á que si llelo parece.

Pódese apreciar mancha negra, pero non logra eclipsar a beleza de Souvenir de la Malmaison

Sen dúbida unha roseira que non pode faltar en calquera colección. Merece a pena gardarlle un lugar no xardín, e a verdade é que non lle fai falla moito espacio. Eso sí, hai que estar moi atentos á mancha negra. Tamén hai dispoñible no mercado un "sport" con hábito trepador.

sábado, 21 de julio de 2012

Mary Rose

Mary Rose foi a miña primeira "Austin". A verdade, é que lle teño un especial cariño, porque é das primeiras en florecer e das últimas en deixar de facelo. Durante toda a tempada sempre che regala rosas, aínda que só sexa unha.

Mary Rose con Senecio

É un arbusto con un crecemento potente. Esto manifestouse o primeiro ano emitindo un par de ramas moi longas, que afeaban o arbusto. Ó ano seguinte podei severamente esas ramas, coma se fose un híbrido de té, e esto non lle sentou moi ben. A floración foi espectacular pero apareceron pudricións na madeira, polo que tiven que volver a meter tixeiras para facer poda de limpeza. Agora procuro podala o mínimo.
As flores soen estar agrupadas, son plenas e cos petalos bastante soltos. A cor é rosa medio, as veces intenso. Teñen o aspecto e encanto das rosas antigas.


En canto ó perfume, para min é un dos máis fortes que coñezo en rosas. Especialmente en días soleados percíbese de lonxe. En algunha literatura describese coma suave, algo co que non estou dacordo, porque o puiden comprobar en localizacións dispares en canto a solo e clima, inclúso no seu "sport" Winchester Cathedral. En sí, o aroma é bastante curioso. David Austin defineo coma mezcla de rosas antigas, flor de amendoeiro e mel. En todo caso a min gústame moito.


É unha roseira resistente, pese a inevitable aparición de mancha negra.
En definitiva, unha das miñas roseiras preferidas e unha das que máis tempo leva no catálogo de Austin, por ser das mellor vendidas. Por algo será.

Espuelas

As roseiras e as espuelas forman unha combinación clásica que non falla. As espuelas son un grupo de plantas pertencentes á familia das ranunculaceas. Engloba distintas especies e cultivares do xénero Delphinium. A grandes rasgos, no mercado podemos atopar Delphinium ajacis, que son anuais e Delphinium elatum, vivaces que a súa vez comprende ós grupos dos híbridos belladona e pacífico.

D. elatum en azul pastel e D. ajacis en azúl escuro

Dende o meu punto de vista os híbridos de D. elatum son moito máis vistosos e soen alcanzar maiores dimensións. Os híbridos de D. ajacis son máis miúdos polo que hai que plantalos en masas maiores, algo do que se encargan eles mesmos, porque se autosementan.
O interese da planta é fundamentalmente pola súa inflorescencia. A cor das flores varía dende distintas tonalidades de rosa, azul  e violeta, incluíndo o branco. Nalgunhas ocasións o centro da flor, tamén chamado ollo, ten cor distinta, xeralmente negra ou branca. A min particularmente gustanme moito as espuelas  azul escuro co ollo negro.

D. elatum con tanacetos e centautea

En canto a pragas e enfermedades, o principal problema para os que coma min sementan as súas propias plantas é o caracol. Cando a espuela está en estado de plántula son moi peligrosos. Mildiu tamén pode aparecer en D. elatum e frecuentemente oidium en D. ajacis. Un problema co que me encontro tódolos anos é podredume de raíces en D. elatum durante o inverno, polo que ó final me vexo obrigado a cultivala case coma unha anual. Son as consecuencias dos invernos húmedos de Galicia. De tódolos xeitos merece a pena o esforzo.

D. elatum azul pastel e branco con Comte de Chambord

domingo, 15 de julio de 2012

Jacques Cartier, un clásico.

Si hai un clásico dentro das roseiras históricas, ese é Jacques Cartier. Hai moita xente que se iniciou no cultivo das "Rosas Vintage" con ela. Esta roseira aparece na segunda metade do Século XIX, momento efervescente na hibridación de roseiras. Por desgracia, a maioría destes híbridos desapareceron. Jacques Cartier logrou sobrevivir á criba do tempo, e non por casualidade, senon polas súas boas cualidades.

Vista parcial do arbusto

Hibridada por Robert et Moreau en 1868, foi nomeada Jacques Cartier en honor ó descubridor de Canadá. Hai quen a clasifica coma roseira Portland ou coma Damascena.
En todo caso  R. damascena var. bifera forma parte da ascendencia de Duchesse of Portland,  a primeira roseira Portland.

Botón perfecto

O arbusto ten unha forma e dimensións compactas propias das Portland. As rosas aparecen en inflorescencias e teñen un pedúnculo moi curto, de xeito que unhas rosas tapan as outras. Por eso é recomendable, se fose necesario, eliminar as rosas pasadas para deixar lugar as que veñen abrindo por debaixo.
As rosas son dobles, moitas veces cuarteadas e soen formar botón. Cando abren completamente son aplanadas. Os pétalos  son rizados e de cor rosa, que oscila dende o pálido ó luminoso. Reflorece en fluxos dende maio ata o final do outono. O aroma é intenso a rosa Damascena.

Combinado con margarida Chrysantemum maximum "silberprinzesschen"

É unha roseira resistente, que non soe ter problemas cos fungos. En definitiva, unha roseira que todo amante das rosas históricas debería ter.

domingo, 1 de julio de 2012

Roseninsel

A Roseninsel é a única illa do Lago Starnberg , situado ó sur de Múnich.  Ata o Século XIX era coñecida como Wörth. A historia da rosaleda, que lle dá o actual nome,  iniciase en 1850 cando o Rei Maximilian II de Baviera adquire a illa, co fin de construir néla unha residencia de verán. O proxecto encargallo ó arquitecto Franz Jakob Kreuter e ó paisaxista Peter Joseph Lenné.

Vista da illa dende terra

Plano de Lenné en 1850. Fonte: Wikipedia


O estilo arquitectónico da residencia é  unha mezcla de casa de campo lombarda e arquitectura alpina, típica bávara. A fachada sur ábrese á rosaleda mediante unha terraza e escalinata.


Vista da residencia dende a rosaleda


O fillo de Maximilian II, Ludwig II de Baviera, utilizou a residencia coma lugar para recibir personalidades, coma Richard Wagner ou a súa prima Elisabeth, Emperatriz de Austria. Esta última utilizou frecuentemente a  illa coma refuxio. Na película de Luchino Visconti Ludwig II (1972) , escenificase un encontro entre ambos na Roseninsel con Romy Schneider no papel de Sissi.

Kaiserin Elisabeth von Österreich Franz Winterhalter óleo sobre lenzo 1865.
Ludwig II aus Bayern. Ferdinand von Piloty 1865

Dende 1978 a Roseninsel pertence ó goberno de Baviera, comezando en 1998 os traballos de restauración do conxunto.
A rosaleda ten estilo formal, disponse ó redor dunha columna central de cristal, que fai de punto focal. A zona central ten planta oval, dispoñéndose desta forma o entramado de camiños e parterres. O ancho dos parterres é de aproximadamente metro e medio. Coma non podía ser doutra forma, na rosaleda hai unha colección de rosas históricas, anteriores e contemporáneas ó momento da súa construcción. É unha visita moi recomendable, xa que a paisaxe é espectacular e bucólica, a parte do seu contido histórico. Por suposto, visita obrigada para amantes das rosas históricas.


Columna de cristal
Stanwell Perpetual

Maidens Blush


Ulrich Brunner


Tour de Malakoff